Sunday 19 de May de 2024

Redrum Teatro representará no Elma a segunda función do ciclo do outono


A Pobra do Caramiñal continúa inmersa no teatro durante o mes de novembro co ciclo organizado pola Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Redrum Teatro subirá ás táboas do Elma no día 13, ás 19.00 horas. A función Un home con lentes de pasta partirá da historia de Sheyla, quen acaba de ser abandonada pola súa parella. Laura e Fer quérena animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade os desexos que aparcara: escribir. Traerán a cear a Guillerme, o poeta capaz de namorar calquera cuns breves versos. Pero a el non lle van satisface-las conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren; as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

A entrada é libre ata completa-la cabida.